Unha Vila Milenaria e mil primaveras máis

Coa modificación dun dos festivos locais no 2017, deixando o clásico luns do Cristo polo actual 24 maio, no que se conmemora a cesión de ‘Lacedorium’, -o  nome antigo de Salvaterra-, polo rei Vermudo II á igrexa de Compostela  no ano 991,  o Goberno de Salvaterra, -hai que dicilo-, atopa unha xustificación a tódolos carteis e anuncios publicitarios que na súa continua obsesión en buscar ‘slogans’ por tempadas (Un Xardín Sobre O Miño, A Vila con máis espazos verdes de Galicia…) chega: Salvaterra de Miño, Unha Vila Milenaria. Non se pode negar a base histórica.

Non é motivo deste artigo analizar a cuestión anteriormente mencionada, daría para outro. Tampouco pretendo facer unha defensa do luns do Cristo. Estando pois, en contra ou a favor, o certo é  que grazas a este festivo local, o Concello logrou unha total implicación coa comunidade educativa para que os máis pequenos, e os que non tanto, coñecesen a historia do noso Castelo. O primeiro ano que tivo lugar a festividade sería tamén  a primeira  vez en todo o Goberno de Arturo Grandal, que dinamizaron(de forma real, non macro-eventos) como nunca antes o recinto. Recreacións medievais, certames cos coles, relatos e diferentes actuacións.

Fixeron pois, unha xornada festiva, que este ano, con matices, pretenden repetir. A segunda planta (que non haxa equivocacións, refírome á planta de abaixo) das Covas de Dona Urraca atópase pechada ao público, a pesar de que o Museo do Viño dese nivel xa esta totalmente operativo. Este ano, polo que se pode ver na programación, intentan, de forma intencionada, aludir por tanto ás polémicas obras, aínda que seguro farán uso da primeira planta.

Debemos recordar, para quen non o saiba, que hai unha empresa privada, xestionando e beneficiándose de forma directa e indirecta, do recinto amurallado. Sen saír a concurso. Sen saír nada publicado.

Para o ano, se as obras seguen o seu curso, todo o complexo do recinto amurallado estará privatizado, podemos afirmalo sen lugar a dúbidas. Negando aos veciños e veciñas o seu uso. Quizais, para o ano, cren outro slogan ou outro festivo. Xa que entón, non haberá nada que celebrar. Namentres, moitos e moitas seguiremos: Mil primaveras máis para o noso patrimonio.