Turismo

Carta aberta a Carmela Silva: Publicado no Faro de Vigo

Esta carta foi publicada a data 19 de marzo no Faro de Vigo cunha modificación o no título, quedando ‘As parroquias de Salvaterra’ en vez de ‘Carta aberta a Carmela Silva’ que foi como a escribín eu, esa modificación foi realizada polo Faro de Vigo.

A carta:

Cando os gobernantes esquecen as súas obrigacións, somos os cidadáns do común os que debemos recordarllas. Por iso diríxome a vostede, agora que a Deputación de Pontevedra comeza unha nova etapa, para que non se esquezan de Salvaterra, e das súas parroquias:

É un paradoxo que dos 18 xacementos arqueolóxicos escollidos na provincia que se levarán a cabo ao longo do 2016 para a súa recuperación, conservación e posterior divulgación non estea ningún da nosa vila, e non se trata de localismo. No Museo de Pontevedra atópase unha fermosa lucerna de bronce atopada en Fiolledo, tamén no Museo de Ponteareas hai numerosos restos atopados do castro de Lourido, ou as cazoletas que hai no Monte de Santo Amaro en Lira e quen sabe o que hai por descubrir.

Trátase pois dunha oportunidade de dinamización socioeconómica, cultural e turística perdida, posto que a Deputación ademais vai poñer en marcha unha serie de rutas por numerosos castros, na que Salvaterra non estará -polo de agora-.

Entendo que o protocolo que se asinou en marzo do 2015 co Ministerio de Fomento para poñer en valor o patrimonio galaico-romano foi anterior a esta nova etapa na que actualmente vostede é a Presidenta da Deputación e que algunha responsabilidade terá tamén o noso goberno local por non ter solicitado a inclusión. Teríamos tamén que falar das fortificacións da guerra hispano portuguesa que hai espalladas polas nosa parroquias, algunhas sen ningún tipo de protección, correndo un serio perigo de desaparición.

Pero agora, o que urxe é intentar arranxar esta situación de esquecemento canto antes. Non se esquezan nunca máis de Lourido, nin de ningunha parroquia de Salvaterra.

http://www.farodevigo.es/cartas/2016/03/03/as-parroquias-salvaterra/1415568.html